Das Irmandades da Fala á Xeración Nós
Portada da revista Nós En 1916 constitúese na cidade da Coruña a Irmandade da Fala, movemento de reivindicación da lingua que, por primeira vez, reclama o seu uso pleno en todos os ámbitos da sociedade (normalización). Ramón Cabanillas, voz sobranceira deste período, publica en 1917, Da terra asoballada. Antón e Ramón Villar Ponte, Xohán Vicente Viqueira, Xaime Quintanilla, Otero Pedrayo, Vicente Risco, etc, participan deste movemento que se concretará anos despois na formación da ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) e do Partido Galeguista (1931).
A revista Nós (1920-1936), creada en Ourense baixo a dirección de Vicente Risco e Alfonso R. Castelao, dálle nome ao grupo de creación e pensamento máis representativo desta etapa, e Ánxel Casal convértese no seu principal editor. Algúns autores falan do Segundo Rexurdimento para definir este período. A poesía, a novela, o ensaio e o xornalismo acadan momentos de esplendor sen precedentes.
Manuel Antonio, Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro e Amado Carballo producen os seus primeiros textos, instalados nos movementos poéticos de vangarda, conectados co que está a suceder no resto de Europa. Otero Pedrayo traduce en 1926 algúns fragmentos do Ulises de James Joyce, primeira tradución que se fai desta novela a unha lingua da Península Ibérica. Castelao, debuxante e escritor, é a figura máis popular.
|
 |
 |
 |
|
 |